mércores, 15 de abril de 2020

Era la noche, entrevista a Pedro Martín, supervivente de Sachsenhausen (6)


KOMMANDO HEINKEL

A fábrica Heinkel fundouse en 1936, como un anexo de Sachsenhausen, era o seu principal Kommando, cuns sete mil detidos de media alí confinados.


Un Kommando é un campo de concentración rodeado de aramadas electrificadas, torres de vixianza con metralletas e faros que vixían toda a noite as rúas do campo. E alí estaba a fábrica de aviación. Os verdes (color do distintivo dos criminais) que nos controlaban eran iguais de crueis cos SS.
Fugarnos era imposible. Sempre vestidos co uniforme a raias, pelados, os kapos…
No campo principal non había fábricas, aínda que máis tardes enterámonos de que houbo unha fábrica onde falsificaban billetes para arruínar a economía dos Aliados. Tamén me enterei despois, cando fun de peregrinación en 1985, de que había unha cámara de gas.
Nas aramadas e postes había letreiros que puñan: ‘Verboten für Häftling’ (prohibido para prisioneiros). Ás veces os propios gardas animábante a cruzar e matábante. Sabiamos que cada vez que se fugaba un prisioneiro, todo o campo era castigado con ‘chamadas’ interminables, aínda que chovese ou nevase… tiñamos que soportar en pleno inverno un frío glacial, con camaradas que caían desmaiados ao chan.
Un block era un barracón de cemento e de madeira onde dormiamos e comiamos. O dormitorio eran liteiras de tres niveis superpostos, e cando se metían máis prisioneiros compartían unha liteira dous. Cada un tiña un cobertor e unha especie de almofada, non todos. No comedor había un curruncho reservado aos kapos que vixiaban aos prisioneiros, e outro para o xefe do block, o Blockältester. Nos bloques había unha estufa que apenas quentaba e ás veces non había nada. Fóra tiñamos un tonel de douscentos litros. Isto era o WC, para uns douscentos homes.
Nos comedores había mesas grandes e cada un tiña unha cunca, unha culler, e nada de garfos nin coitelos. Non había carne que pinchar. A cunca e a culler ían atadas á cintura por unha corda, polo día, e pola noite baixo a cabeza.
A hixiene dependía do bloque. Por exemplo, no barracón 23 non había lavabo. Só tiñamos un tubo partido en dous, baixo o que nos puñamos totamente espidos, con auga fría no verán e no inverno. Só podiamos asearnos pola mañá. Levantabámonos sobre as 5,30, tomabamos o ‘café’, lavabámonos e ás 6 era a chamada a revista. Era unha ducha sen xabón e secabámonos cun anaco de papel azul a cadros, aínda o vexo! Os domingos non se traballaba, podiamos baixar ao soto do barracón cinco onde había lavabos de auga fría.
Na fábrica traballabamos setecentos ou oitecentos homes en grandes salas. Eu traballaba de soldador. Cando saiamos da desinfección, ao chegar, preguntárannos cal era o noso traballo. Era importante elixir ben para non caer nos Kommandos exteriores, moito máis duros. Na fábrica non facía moito frío e, ademais, co soprete podiamos matar ás pulgas. Hai que saber apañarse cando un é prisioneiro! É cuestión de vida ou morte!
No Kommando Heinkel traballabamos para a aviación. Sacabamos tres avións cada dous días. Eran bombardeiros, que ían bombardear Inglaterra. Había soldadores de todas as nacionalidades: franceses, rusos, españois…, centos de persoas vixiadas por un kapo polaco e por un ‘Vorarbeiter’ (un prisioneiro axudante).
A cada un dos soldadores se nos asignaba un selo cun número. Eu creo que tiña o vinteún. E as pezas que tiñamos que soldar ían marcadas co noso selo e número. Polo tanto, se facías varias pezas mal, e te pillaban, fusilábante.
Antes de desinfectar a roupa, cando tiñamos pulgas, matabámolas co soprete. As pulgas caían ao chan e esmagábamolas.
Traballabamos doce horas de día ou doce horas de noite. O único que tomabamos era un ‘café’ pola mañá, auga quente tinxida de negro. Ás veces quedaba un pouso no fondo e iso enchíanos algo o estómago. Ao mediodía comiamos un cuarto de quilo de pan cunha culleriña de margarina e pola tarde o litro de sopa de rutabaga.
Había xente que era quen de gardar algo. Eu nunca puiden, morriámonos de fame. Cando comiamos ben era cando os compañeiros nos contaban a súa comida preferida… Pero a fame, o cansazo, os golpes, todo iso xunto fai que… A xente, pola fame e o cansazo caíase, morría, nos tiñamos que seguir o traballo. Xa había uns encargados de levar os cadáveres.
Eu coñecín un pan rectangular, repartían un cuarto de pan para cada un. Primeiro cortaban unha rebanda de pan duns dous centímetros de espesor, a repartir entre o kapo e o Stubendienst e o resto para nós. Esa rebanda de pan podía servirlle ao kapo para traficar con calquera cousa, conseguir unha manta, cigarros, ou para darllo ao seu favorito.
Houbo un vixiante de barracón francés (Stubendiest) que humillou a un ruso por pedir máis comida, facéndolla comer na súa gorra tirada no chan, coma un can. Era un triángulo vermello (da Resistencia) e cando o volvín a ver tiña a Lexión de Honra.
A maioría dos castigos eran por desobediencia, pero tamén en función do carácter do kapo, pola comida, polo roubo de patacas. A condea eran vintecinco azoutes nas nádegas. Iso doe eh? Había un poldro de tortura onde nos reclinabamos de fronte. Podiamos poñernos a gorra na boca. A rebelión eran cincuenta azoutes. O kapo que pegaba era o Schlagueur (o castigador). Por intentar fugarte aforcábante ou fusilábante.
No barracón viamos ás veces a kapos fodendo a mozos rusos.
Os castigos aplicábanos no patio da chamada. Xeralmente os domingos ao mediodía, e todos tiñamos que asistir.
No campo había unha enfermería (Revier). Ninguén quería ir. En novembro de 1944 cuspín sangue e non dixen absolutamente ren. Confeseillo a algúns compañeiros que me dixeron: ‘Pecha o pico, non digas nada’. Todos sabían que a enfermería era un mortuorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto