domingo, 29 de setembro de 2019

Exposición 'Exilio e Deportación", un novo curso

A semana pasada a exposición froito da homenaxe que organizamos a Joaquín Balboa no verán do 2016 en Estevesiños (Monterrei), iniciou unha nova andaina no IES Soutomaior. E xa van catro anos de difusión das vidas de Antonio Pérez e Joaquín, e con eles a de todos os deportados e deportadas. O curso pasado estivo en 12 centros educativos de Secundaria.
Algúns paneis están un pouco estragados, pero aínda se poden ver ben. Por este motivo, e por outros, este ano non imos mandar correo aos centros educativos. Pero está a disposición de todos os centros educativos e colectivos sociais que a consideren de interese, co único custo do transporte, de ser necesario. Poden contactar no correo deportadosou@gmail.com.
Xunto á exposición envíase o documental 'Mauthausen, regreso ao campo da morte', de Manuel Torrente, no que participa Joaquín; un cuestionario para aproveitar mellor a exposición; os paneis en PDF; suxestión de conferenciantes; e información sobre outros recursos didácticos para ampliar información sobre o tema.

luns, 23 de setembro de 2019

Petición de homenaxes, na prensa e fragmento dos correos

A semana que vén de rematar comezamos o envío de correos aos concellos e a Deputación. Nos concellos dirixímonos á alcadía e aos grupos políticos. Sempre que nos é posible, aos correos directos, senón con copia do escrito á alcadía. Respecto da Deputación enviamos correos ao Presidente e a deputada do PSOE cuxo correo figura na páxina da institución. Tamén remitimos copia dos correos a concellos e deputación aos enderezos provinciais do PSOE, BNG e DO. Abaixo pegamos a nosa solicitude.

SOLICITAMOS Que no Concello de ______________ se celebre unha homenaxe oficial aos deportados nacidos no mesmo, coa colaboración da Asociación. A nosa proposta para os actos a celebrar é a seguinte: • Declaración de fillos predilectos do concello. • Inauguración dun monolito con placa ou incscrición, cos seus nomes, datas e lugares de nacemento e morte, e unha pequena frase alusiva a súa condición de vítimas dos fascismos. • Interverán: O alcalde e outros membros da corporación; unha persoa representante da Asociación; familiares; ne calquera asistente que o desexe. • Entrega do diploma de Fillos predilectos aos familiares dos homenaxeados. • Ofrenda floral. • Interpretacións musicais, rematando co himno galego.

SOLICITAMOS • Que a Deputación celebre unha homenaxe oficial aos deportados nacidos na provincia, coa colaboración da Asociación. • Que a Deputación aprobe unha axuda económica aos concellos, para os gastos derivados das homenaxes aos deportados do seu municipio. • A colocación dun placa co nome dos deportados ourensáns no campo de concentración de Mauthausen-Gusen.

A fin de semana enviamos unha nota de prensa aos medios sobre a nosa iniciativa, que se recolleu nos diarios con edicións locais. Nas publicacións queremos destacar un erro cometido por nós mesmos, indicando Gusen como lugar da morte de Nicolás Rodríguez, que en realidade faleceu en Dachau. En La Región dise que as homenaxes só atanguen aos deportados falecidos, e non é así, pensamos homenaxear a todos os deportados, tamén aos sobreviventes.

domingo, 8 de setembro de 2019

Mauthausen, unha dura lección de historia

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO 13/08/2019

Está sendo noticia o recoñecemento oficial, por fin, das vítimas españolas de Mauthausen. Son a parte máis importante dos españois que perderon a vida nos campos de concentración e de exterminio.
A distinción entre uns e outros é importante para a necesaria precisión histórica, pero non tanto para os que perderon a vida nuns e noutros. Afeitos como estamos a interpretar os campos de concentración segundo os relatos cinematográficos ou literarios, o asunto parece simplemente obrigado e de xustiza. Pero este tardío recoñecemento obriga a facérmonos algunhas preguntas e comparacións incómodas.
Á pregunta de por que morreron como apátridas en campos de concentración alemáns durante a Segunda Guerra Mundial responden estes días os medios. Eran soldados e rapaces -a quinta parte tiñan menos de 25 anos- que fuxiron a Francia trala derrota da Segunda República en 1939 a mans duns militares golpistas apoiados polo fascismo e o nazismo. Non lograron marchar a América ou Inglaterra e na ocupación alemá de 1940 iniciaron a resistencia apoiados polos aliados. Foron os que non lograron exiliarse fóra do continente e tampouco non pasaron á moi tratada e coñecida historia do exilio republicano español. A súa historia pode ser heroica -serao cando a actual democracia española se atreva a incorporalos ao seu relato-, pero a maioría deles tamén loitaron simplemente pola supervivencia, porque moitas veces non tiñan outro medio de salvar a vida que incorporarse á resistencia, naquela Europa ocupada polo nazismo. A alternativa era seren deportados á España de Falanxe ou convertérense en man de obra escrava.
Eran fuxidos. Así entenderémolo mellor. Eran escapados, guerrilleiros coma moitos outros que non puideron ou non quixeron saír do territorio controlado polos golpistas dende 1936, chámense Trigo, Foucellas, Curuxás, Marcelino ou o Fresco. Failles xustiza Manuel Gago na ficción O exército de fume, pero aquilo foi real. Un deles, Camilo de Dios, por fortuna aínda vive e conta a súa terrible experiencia coma unha dura loita pola vida, sen asomo de heroísmo. Mais quen o escoita só pode velo coma un heroe. Aos 4.427 de Mauthausen matáronos en Alemaña no mesmo tempo e polo mesmo que a moitos outros que morreron ou foron asasinados en España ate que se disolveu a guerrilla por volta de 1950. Este paradoxo obriga a preguntarnos onde está a historia, onde a política, onde a hipocrisía e onde a ignorancia.
Aínda peor, obriga a pensar como é posible que siga tendo tanta vixencia o relato dos verdugos para o que acontece aquén dos Pireneos no mesmo tempo histórico. Recoñecemos a criminal práctica da euxenesia racial dos nazis, pero cústanos máis identificar a parella euxenesia ideolóxica falanxista. Menos sistemática pero máis precoz, menos cinematográfica pero máis duradeira. Aínda estes días puido lerse a un parlamentario neofalanxista xustificando o asasinato das chamadas 13 rosas. Non se trata dunha disputa ideolóxica do presente a conta do pasado, senón de algo que repugnaría a calquera democracia europea que viviu 1945. Aquí só viviron 1936. Sempre queda recorrer ao coñecemento histórico rigoroso, mentres sufrimos a mala política a conta da memoria e seguimos esperando políticas democráticas de memoria.

mércores, 4 de setembro de 2019

Antonio Araújo González, de Ourense


Antonio Araújo naceu no antigo concello de Canedo, no actual barrio da Ponte, o 15 de outubro de 1916. A casa do seu pai estaba ubicada na hoxe desaparecida rúa das Tapias. Militou na UGT, e cando comezou a Guerra Civil tivo que alistarse no exército golpista, ata que en 1937 conseguiu pasar ao campo republicano. Rematou a guerra en Barcelona, desde onde pensamos que fuxiu a Francia a principios de 1939.
Non temos información do seu paso por Francia, aínda que seguramente compartiu o destino dos miles de camaradas republicanos, pasando polos campos de refuxiados e as compañías de traballo.
Entrou en Mauthausen o 25 de xaneiro de 1941, procedente do stalag de Trier. O seu número de prisioneiro foi o 4110. Enviado a Gusen, ao matadoiro, morreu alí o 11 de outubro do mesmo ano, con só 24 anos. Segundo o rexistro de Gusen a causa da morte foi unha 'colitis ulcerosa'.





Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto