martes, 3 de decembro de 2019

As cartas de José García (1)

José García Rodríguez naceu en Baltar en 1902, morrendo 39 anos despois no matadoiro de Gusen. Unha vida curta, moi curta, truncada polos fascismos. Casou con Ángeles e tivo catro fillos, Eduarda, Arturo, Leopoldo e Pepín, que a penas puideron gozar da compañía do seu pai.


Setenta e sete anos despois da morte de José, a súa neta Laura, filla de Pepín, recibiu máis de oitenta cartas dunha tía política. É así como Laura se enteira da sorte que correu seu avó, e mesmo das súas orixes ourensáns. Na familia non se falou, nin se fala, do pasado familiar. Quizais, como deixan translucir as cartas, porque o sufrimento foi moi grande; ou talvez porque, dalgunha maneira, repróchanlle a súa militancia política tanta dor. Como en tantas outras familias a "longa noite de pedra" impuxo o silencio.
Cando Laura leu as cartas José rachou co silencio e o esquecemento. De súpeto, nas sensacións que súas palabras causaban na neta foise perfilando a personalidade dun home novo, profundamente namorado, comprometido politicamente e desesperado por non poder axudar a súa familia. O único fío de optimismo é a esperanza de que todo remate, de poder regresar a España e vivir cos seus seres queridos. Pero, como ocorreu con tantos outros, o fío rachouse e rematou a súa vida á beira do Danubio, desaparecendo na néboa putrefacta do terror. Quedaron as súas palabras, para dignificalo a el e para desprezar aos seus verdugos.
Entre as cartas hai cinco escritas polo seu irmán Emilio, tamén preso en Argelés e na 2ª Compagnie de Travailleurs Espagnois. A súa escritura é moi pobre, en claro contraste coa riqueza da prosa de José. Este era periodista, e seguramente Emilio non tivo a súa mesma formación. Emilio decidiu regresar a España, e foi encarcerado en Reus e Tarragona. Por que José non acompañou a seu irmán? É posible que tivera un papel máis relevante dentro do bando republicano e temese pola súa vida.
A case totalidade das misivas proceden en 1939 de Bourg-Saint-Maurice (Savoie), onde estaba a Compañía de Traballo de José e Emilio, e desde 1940 de Baerendorf (Alsacia) onde foi trasladado. Saíra de Barcelona en xaneiro do 1939 (última ocasión na que viu a súa familia) e despois de tres meses encerrado na praia de Argelés, escribe a primeira carta, datada o 18 de xuño, aludindo a outras anteriores que non obtiveron resposta: "Cuéntame como estais vosotras y como se encuentran los niños de guapos y de mayores. ¡Ya cinco meses sin veros! ¡Me parece imposible! Espero que esto no dure mucho y que la Providencia divina se apiade de nuestra desgracia y vuelva a unirnos para siempre...".
Como non podía ser doutra maneira son cartas amargas, sempre coa anguria de que a súa familia o estea pasando mal, e llo oculten. Apénalle que a súa muller teña que traballar: "¡Cuando iba a suponer que la madre de mis hijos tuviera que separarse de su lado para trabajar por su sustento! ¡Y esto viviendo yo!". E si, estábano pasando moi mal, mesmo a filla maior, Eduarda, de quince anos, tivo que ingresar nun colexio (?) en xuño de 1940. Podemos imaxinar a situación, familia de exiliado republicano con catro nenos en Santa Coloma de Gramanet, ocupada polas tropas franquistas. Ángeles, a súa muller, á que van dirixidas a maioría das cartas, tivo que sufrir moito: "Es un tormento mil veces peor que todos los del infierno saber que mis pobres hijos han llegado a tal extremo. ¿Que hice yo para merecer este castigo? ¿Y ellos? ¿Que hicieron ellos, en la inocencia de sus vidas pequeñitas? ¿Y tú? ¿Qué hiciste tú, pobrecita mía?". Supoño que Laura tamén terá redescuberto a súa avoa a través desta correspondencia. Hai que poñerse no seu lugar para entender tantos anos de silencio. As familias son tamén vítimas e moitas veces esquecémolas.
Son cartas nas que sempre está presente o gran amor que sente por Ángeles e polos seus fillos. Pídelle a estes que lle escriban en todas das cartas unhas letras, e cando lles escribe asina como "Padre". Unha e outra vez insiste na súa educación, sobre todo na de Arturo: "en quien yo pensé perpetuar mi espíritu". Xa na primeira carta amosa esa teimuda preocupación: "Por cierto que en las cartas del niño he podido observar que descuida algo la escritura, y esto no me parece ni medio bien".
Nas palabras de José percíbese o conflito entre a súa propia amargura e o desexo de transmitir esperanza a súa familia. Por unha banda, reclama a súa atención, que non deixen de escribirlle porque eles son os que o manteñen en pé, pero por outra non pode evitar laiarse da súa situación, só a súa muller lle pode contar o que sente. Quere animalos, pídelles que sexan fortes, que se axuden mutuamente, que Ángeles alimente a súa fortaleza no amor dos seus fillos e que estes coiden a súa nai. Pero el xa só atopa consolo no recordo da felicidade anterior á Guerra: "Los únicos momentos de alegría son aquellos en que consigo alejar la imaginación de nuestra común situación actual y remontarme a nuestros primeros tiempos. ¡Entonces si que soy feliz!".

Na derradeira carta enviada desde Francia José escribe:

"Para mi hoy no cuenta más que una sola cosa: vivir. Eso es lo único que me importa. Quiero vivir y ser fuerte, para un día poderte compensar de todas tus penas de hoy" (3-6-1940)

Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto