venres, 26 de outubro de 2018

Información diversa

Pouco a pouco imos conseguindo máis información sobre os nosos deportados. Así, sabemos que:

Abilio Álvarez Bernardo, de Entrimo, durante a Guerra foi membro do Cuerpo de Carabineros. Rematou a sú vida no castelo de Hartheim, con só 24 anos.

Serafín Blanco Valcárcel, de Ourense, era afiliado da UGT e das JSU (Juventudes Socialistas Unificadas), resultado da fusión das xuventudes do PSOE e o PCE en marzo de 1936. Foi liberado no campo de Sachsenchausen.

Antonio Araújo González, tamén de Ourense e afiliado da UGT, evadiuse ao sector republicano o 5 de novembro de 1937. Rematou a súa vida en Gusen aos 24 anos.

Ramón Conde Ramos, de Maceda, foi Guardia de Seguridad Uniformado do 1º Grupo de Asalto (policía)en Barcelona, e do 22 Grupo de Asalto, en Madrid. Asasinado en Gusen, aos 31 anos.

Antonio Diéguez Blanco, de Larouco, pertenceu a 33 brigada mixta como xefe do 132 batallón, que tivo un papel protagonista na batalla do Ebro e na campaña de Cataluña, pasando os superviventes a Francia en febreiro de 1939. Morreu en Gusen, aos 28 anos.

Julio Domínguez Rodríguez, de Quintela do Leirado, pertencía á Sociedad de Tejeros y Cerámicos de Madrid. Foi liberado en Mauthausen.

Santiago Durán Durán
, de Ribadavia, pertenceu ao 2º Batallón das Milicias Confederales, da Región Centro nas que ingresou xa o 6 de agosto de 1936, en Madrid.









martes, 16 de outubro de 2018

Información sobre Antonio Araújo, Serafín Blanco e Francisco Cortez

No Centro Documental da Memoria Histórica atopamos a seguinte información sobre tres dos nosos deportados:

- Antonio Araújo González, de Ourense, falecido en Gusen aos 24 anos en outubro de 1941. Era afiliado da UGT, pasándose ao bando republicano o 5 de novembro de 1937.

- Serafín Blanco Valcárcel, de Ourense, liberado en Sachsenhausen ou Speer en maio de 1945, era afiliado da UGT, da rama de Comercio, e tamén afiliado da JSU (Juventudes Socialistas Unificadas, fusión das xuventudes do PSOE e do PCE, en marzo de 1936).
De Serafín tamén nos chegou información desde o arquivo do KZ Sachsenhausen. Confirman que ingresou en dito campo o 30 de xaneiro de 1943 co número 58662, no bloc 10, pero non poden aportarno nada máis, xa que gran parte da documentación deste campo foi destruída polos SS ao final da Guerra.

- Francisco Cortez, de Ourense, do que nos temos datos sobre seu destino nos campos, pertenceu á 124 Compañía de Asalto (policía republicana convertida nun dos principais corpos do exército republicano durante a Guerra Civil), e supomos era afiliado ou simpatizante do Partido Comunista.



xoves, 11 de outubro de 2018

A exposición 'Exilio e Deportación' inicia a súa terceira viaxe polos centros educativos galegos

Este luns, a exposición froito da homenaxe realizada no verán do 2016 a Joaquín Balboa na comarca de Monterrei, inicia un novo percorrido polos centros educativos de Galicia. E xa o terceiro ano que poñemos, a disposición dos centros culturais e das escolas, os paneis (xa algo estragados) que relatan a vida dos nosos deportados, desde o exilio en Francia ao confinamento en Mauthausen e outros campos nazis. A resposta que tivo o noso ofrecemento só podemos cualificala de moi satisfactoria, pois case non quedaron datas baleiras ao longo destes tres cursos.
Agradecemos moito o compromiso amosado polo profesorado coa reparación da memoria das vítimas dos fascismos, nun momento no que é máis necesario ca nunca ter unha postura activa, militante, contra o rebrote público do pesadelo totalitario. Educar aos nosos novos no rexeitamento da violencia, na tolerancia, na cidadanía crítica, é fundamental. A exposición pretende sumar unha pedriña máis no muro que consiga frear o cada vez maior noxento estrondo. É unha frase feita, pero moi certa: aprender do pasado para non volver caer nos mesmo erros. Debémosllo a todos os prisioneiros dos campos, pero tamén a nós mesmos e ás xeracións futuras.
Este será o periplo de Joaquín, Mercedes Núñez, Antonio Pérez e seus compañeiros:


IES Sánchez Cantón (Pontevedra)
IES As Bizocas (O Grove)
IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas)
IES Chano Piñeiro (Forcarei)
IES Ánxel Fole (Lugo)
IES Torrente Ballester (Pontevedra)
IES Ramón Cabanillas (Cambados)
IES Aquis Celenis (Caldas de Reis)
IES Menéndez Pidal (A Coruña)
IES da Guía (Vigo)
IES Val do Asma (Chantada)
IES Universidade Laboral (Ourense)
IES do Milladoiro
IES Enrique Muruais (A Pontenova)

Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto