sábado, 6 de xullo de 2019

BENEDICTO FOLLA ARIAS FREIXIDO DE ARRIBA (LAROUCO), 15/12/1914. GUSEN,13/10/1942.

Jonatan Anta Borrajo
Nacido no pobo de Freixido de Arriba (concello de Larouco); na comarca de Valdeorras, o estalido da guerra civil cólleuno na época de segas en Castela, xunto ao seu irmán Luís. Crese que foi recrutado da guerra xunto ao chamado grupo campesiño.
Unha vez na guerra, comezado o conflito o seu irmán foi ferido e hospitalizado en Madrid, mentres que Benedicto puido escapar cara ao país veciño, Francia. Non se sabe se saíu a través dos Pireneos ou pola vía marítima, pero hai a certeza que poido ser cara o final do conflicto.
Unha vez en terras galas tampouco os seus pasos son claros, puido participar na resistencia francesa (cousa que a familia dubida), ou ben foi recluído nalgún campo de internamento francés.
Sábese de certo que arribou a  Mauthausen unha fría madrugada do 25 de xaneiro de 1941 nun convoi chegado desde Trier. Nesa mesma viaxe tivo como compañeiro a outro paisano de Freixido de Arriba, chamado Antonio Dieguez Blanco (que chegou a ser nomeado Capitán de Infantería das Milicias no exército da República). Asígnaselle o número de  deportado D-4635 e tenta  sobrevivir nas duras condicións deste campo de concentración-exterminio. Faleceu antes de cumprir un ano nas devanditas instalacións, en Gusen, o 13 de outubro do 42, sendo incinerado tres días despois.


A familia de Benedicto soubo do seu final moitos anos despois. E grazas aos seus sobriños netos puidemos rescatar pequenos detalles da vida do seu tío-avó. De feito, un sobrevivente do holocausto contoulles moitos anos despois unha historia que dá mostras da súa humanidade. Un paisano seu de Lugo (chamado Enrique Doval) que coincidira durante a época de adestramento militar recoñeceuno no campo de concentración. Segundo conta, a expresión de Benedicto era moi triste (froito da extenuación dun traballo inhumano, unido á fame extrema), como anticipando o seu final tivo o xesto de bondade e amizade de regalarlle o seu reloxo ao seu compañeiro, para que o utilizase en beneficio propio, xa fose para un trueque ou para gañarse unha cama mellor ou un anaco de pan (suceso recollido no documental, Mauthaussen regreso ao campo da morte). Ese é o último recordo, de bondade neste caso, de Benedicto Folia Arias, quen loitou polo que el cría era mellor para o seu país e a vida das súas xentes o mellor que soubo, e a día de hoxe a dor que tivo a súa familia non se acabou, e segue no seu recordo.
Nota: Todos os documentos achegados neste artigo foron achegados pola familia de Benedicto Folia Arias, á que agradezo que me abriran as portas da súa casa, a súa amabilidade e dispoñibilidade para compartir os seus recordos.


Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto