martes, 26 de febreiro de 2019

venres, 22 de febreiro de 2019

José Rivada Novoa, de Coles

Narcisse, preso francés amigo de Francisco e Rivada
nunha foto sacada despois da liberación do campo
A maioría dos datos biográficos e todas as fotos de José Rivada, debémosllos a Francisco Pena, de Cabo de Cruz. Francisco é fillo de Francisco Pena Romero, tamén deportado a Mauthausen, amigo de José Rivada no campo e no exilio francés.
Presos de Mauthausen torturados obrigándolle a facer exerciciós
ximnásticos na appelplatz de Mauthausen
Acto commemorativo dos deportados españois en París.
En primeiro termo, coa cámara, Antonio García
José Rivada, Jeanne e Carmen en Tarnos

José Rivada en Tarnos

José Rivada Novoa naceu en Rivela, concello de Coles, o 26 de decembro de 1914 (ou o 27 de xuño do 2014 segundo a Acta de defunción). Parece ser que estudou en Madrid Topografía. Alí estaba cando comezou a Guerra Civil, integrándose no exército da República como sarxento de cabalería, procedente das Forzas Aéreas de Albacete. Nos documentos de ITS aparece clasificado como 'oficial de ferrocarril'.
Fuxiu cara Francia e, como moitos outros, foi detido polos alemáns no stalag V-D de Estrasburgo. E desde alí a Mauthausen, onde ingresou o 13 de decembro de 1940 co número 5191. Segundo Francisco, tanto Rivada como seu pai entraron primeiro en Gusen e despois foron trasladados ao campo central de Mauthausen. Os datos de ITS din que ingresou en Mauthausen e o 28 de novembro de 1941 levárono a Gusen, sendo liberado polo exército de Estados Unidos.
Como dixemos arriba Francisco Pena e Rivada fixéronse amigos no campo, e ambos se instalaron en París unha vez rematada a II Guerra Mundial. Despois de pasar polo Hotel Lutetia (centro de acollida dos deportados) Francisco comezou a traballar na Renault, mentres Rivada cambiaba moito de emprego. Comezou nun laboratorio fabricando Exposímetros, e despois foi taxista e funcionario no Ministerio de Finanzas francés. Era unha persoa moi intelixente, dinos Francisco.
Na información que nos mandaron de ITS aparece 'emigrou a Cuba en 1949 saíndo de París en avión'. Segundo Francisco fillo, foi unha estancia temporal. O pai emigrara a Cuba e alí tiña José Rivada un irmán, que despois tivo un cargo no goberno castrista. Cando seus pais emigraron, José quedou cunha irmá en España. Máis adiante, súa irmá tamén emigrou a Cuba. Alí casou pero non lle fou ben, e José Rivada viaxou ata a illa, conseguindo sacala do país vía Venezuela. O fillo da súa irmá parece ser o único familiar cercano de José Rivada que hoxe queda con vida. Chámase Pablo Álvarez, e é un importante dentista da cidade de Miami, e segundo nos comentaron Carmen e Francisco ten devoción polo seu tío.
Francisco Pena chegou a Francia no ano 1949, con 14 anos. Foi o momento no que coñeceu a seu pai, pois este fuxira de Cabo Cruz en 1936. O grupo de amigos deportados, agora exiliados, reuníase en moitas ocasións, sobre todo nas conmemoracións e nos mitins do PCE, no que militaba a maioría deles. Francisco e súa dona Carmen recordan con emoción as festas de L´Humanité, os mitins da sala Mutualité, e os actos en memoria das vítimas dos fascismos no cemiterio de Père-Lachaise.
Entre os amigos estaban Antonio García e Juan Aznar. Antonio foi o preso que 'roubou' as fotos de Mauthausen xunto a Boix, pero nunca tivo o recoñecemento deste. El era o que sacaba a maioría da fotos das conmemoracións e reunións nas que participaban. Juan Aznar é dos poucos deportados vivos, ao que lle renderon homenaxe os seus veciños de Caravaca o ano pasado, cando cumpriu 100 anos.
Rivada casou cunha muller francesa, Jeanne. Cando estaban en París, todas as fins de semana comían xuntos. Alí escoitaron Carmen e Francisco historias terribles do campo de concentración, pero contadas sen dramatismo, con moito sentido do humor, "ríndose das traxedias vividas". Os dous amigos recibiron pensións de Francia, e máis tarde, de Alemaña. Contaron coa axuda da Federación de Deportados e da Amical de Mauthausen. Rivada chegou mesmo a cobrar unha pensión de España, xa nos anos oitenta, por ser membro do exército da República.

Non regresaron a España ata a morte do ditador. Cando o fixeron, as dúas familias compartiron vacacións en distintos lugares do país, pero Rivada non volveu nunca á aldea de Rivela onde naceu, porque "dáballe pena e non tiña a ninguén alí". Jeanne e José pasaron os últimos anos das súas vidas na vila de Tarnos, preto da fronteira con España. Faleceu o 19 de febreiro do 2002 no hospital de Bayonne.

mércores, 6 de febreiro de 2019

Información de ITS sobre 6 deportados ourensáns

Baños da morte, debuxo do sobrevivente de Gusen, Ramón Milá, 1946
Esta é información que nos chegou desde o Servizo Internacional de Búsquedas sobre seis dos nosos deportados. Todos eles pasaron por Gusen, e só un sobreviviu, Luis Iglesias, que chegara alí en agosto de 1943. Os demais morreron no 'matadoiro' nos anos 1941 e 1942.

Antonio Villar Febrero, nacido o 1 de xaneiro de 1912 na parroquia de San Tomé, no concello de Cartelle. De profesión, labrego. Entrou no campo de Mauthausen o 27 de xaneiro de 1941, co número de prisioneiro 6599. O 17 de febreiro de 1941 trasladárono a Gusen, onde morreu o 11 de agosto de 1941 ás sete horas. Causa da morte: neumonía.
Isauro González Prada, naceu o 30 de outubro de 1919 (seguramente é un erro e naceu no 1909) en Castro Caldelas. Rexistrado como católico, solteiro e como profesións labreo e metalúrxico (ferreiro?). A nai era Jesusa Prada Garballo (entón, de onde vén o seu segundo apelido: Febrero?). Internado en Mauthausen o 27 de xaneiro de 1941, co número 5947. Trasladado a Gusen o 8 de abril de 1941, e alí faleceu o 2 de novembro de 1941 ás 8 da mañá, dunha tuberculose pulmonar.
Jesús Vázquez Valdominos, nacido o 1 de xullo de 1910 en Cujas(?), de relixión católica e casado, era impresor. Vivía en Madrid. Entrou no campo de Mauthausen o 25 de xaneiro de 1941, co número 3418. Morreu en Gusen o 26 de outubro de 1941 ás 9,15 horas.
Julio Rajo Lorenzo, nacido en Carballiño o 1 de maio de 1917, de relixión católica e solteiro. De profesión labrego, morreu en Gusen o 1 de outubro de 1942, ás 10,05 horas.
Luis Iglesias Grande, naceu o 5 de outubro de 1913 en Currás (pode ser en San Cibrao de Viñas, Rairiz de Veiga, A Pobra de Trives ou Montederramo), relixión católica e solteiro. De profesión carpinteiro, vivía en Barcelona. Entrou en Gusen o 12 de agosto de 1943, co número 33330. Foi liberado como prisioneiro do campo de concentración de Mauthausen polo exército estadounidense.
Manuel Yebra Dacoba, naceu o 15 de setembro de 1914 en Seijo (O Seixo, no Bolo?). De relixión católica e estado civil solteiro. Rexistrado como agricultor, vivía en Seixo. O pai era Beniro? Yebra. Entrou en Mauthasen o 27 de xaneiro de 1941, co número 5799. Trasladado a Gusen o 8 de abril de 1941, onde morreu o 10 de xaneiro de 1942, ás 2,45 horas. Causa da morte: insuficiencia circulatoria e inflamación pulmonar purulenta.


sábado, 2 de febreiro de 2019

A memoria galega do holocausto


Co gallo da conmemoración do Día do Holocausto, a TVG emitiu unha breve e digna reportaxe sobre os galegos deportados aos campos nazis. No programa participaron moitas persoas próximas a nós, como Francisco Pena, Carmen Rodeja ou María Torres. Agardamos que contribúa ao coñecemento das nosas vítimas do nazismo, a que o seu sufrimento sexa útil.

Aquí tedes a ligazón:
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/programa/contraportada-1?t=869

Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto