mércores, 26 de setembro de 2018

Antonio Diéguez no Exército Popular da República

Antonio Diéguez Blanco, nacido en Freixido de Arriba, concello de Larouco, e falecido en Gusen en xaneiro de 1942, pertenceu ao Exército Popular da República durante a Guerra Civil. Segundo consta no Diario Oficial de Defensa, en xullo de 1938 foi nomeado capitán de infantería da escala de 'En Campaña', procedendo das Milicias.
A súa división era neste momento a 33. Esta división foi fundada en abril de 1937 e actuou nas frontes de Aragón e Guadalajara.


domingo, 23 de setembro de 2018

Actas de nacemento de Demetrio Rey e Jesús Fernández

Publicamos hoxe dúas actas de nacemento máis, co obxectivo principal de poder localizar algún familiar, ou persoas que nos poidan aportar información sobre o deportado ou os seus parentes.
Demetrio Rei Domínguez naceu en setembro de 1912 na aldea de Currás, na parroquia de Santa Comba de Gargantóns, concello de San Cibrao de Viñas. En maio de 1936 casou, polo civil, con Marcedes Pérez Fernández(?). Faleceu en Mauthausen en febreiro de 1942.
Jesús Fernández Rodríguez naceu maio de 1919 na parroquia de Catarós, no concello da Pobra de Trives. Morreu en Gusen en novembro de 1941.



mércores, 19 de setembro de 2018

Información sobre José Pérez desde Dachau

Chegounos a información do campo de Dachau sobre o deportado José Pérez, nado en Paderne de Allariz no ano 1884 (é o deportado da máis idade no momento de ingresar no lager, 60 anos!). Cando o detiveron tiña fixada a súa residencia na Comuna de Saint Alban, ao norte de Tolosa (Toulouse). A súa profesión era a de labrego, e tiña seis fillos. A súa nacionalidade xa era a francesa.
Segundo a información do campo, deportárono desde París (seguramente desde o campo de tránsito de Compiègne, ao norte da capital francesa) o 20 de xuño de 1944. Podemos aventurar que o motivo da súa detención sería a participación en accións da Resistencia contra o exército alemán que ocupaba Francia. No campo adxudicáronlle o número 73.853, e o block (barracón) 16. Foi liberado en Dachau o 29 de abril de 1945.

Lugar ocupado polo block 16


martes, 4 de setembro de 2018

Actas de nacemento de José García e Antonio Diéguez

Coa finalidade de ter a maior información posible e poder contactar con familiares dos deportados, estamos a solicitar nos rexistros civís dos concellos as Actas de Nacemento. Chegáronnos as de José García Rodríguez, nado no concello de Baltar no 1902, asasinado en Gusen en decembro de 1941, e a de Antonio Diéguez Blanco, que naceu en 1913 en Freixido de Arriba, no concello de Larouco, e tamén acabou a súa vida no matadoiro de Gusen en xaneiro de 1942.




Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto