martes, 5 de novembro de 2019

Recordando a Amadeo Gracia Bamala

Morreu Amadeo Gracia Bamala, o neno pequeno da fotografía máis icónica do exilio español. Na foto aparecen en primeiro termo seu pai Mariano e súa irmá Alicia. Detrás, Thomas Coll leva da man a Amadeo, de só catro anos. O adolescente que o segue é seu irmán maior, Antonio. Outras persoas anónimas aparecen na foto, con maletas e fardos nas que levan as poucas pertenzas que lles quedan.
Seu pai porta unha bandeira, a bandeira da República derrotada. É febreiro de 1939, e milleiros de republicanos e republicanas fuxiron cara Francia polos portos pirenaicos despois da caída de Catalunya en mans fascistas. A familia Gracia pasou polo Coll d'Ares, preto de Camprodón, polo Camí de la Retirada. Polo mesmo camiño que andaron Joaquín Balboa e outros moitos deportados que acabaron nos campos nazis.
Alicia está mutilada dunha perna, e Amadeo tamén leva unha prótese de madeira. Unha bomba franquista, que lles arrebatou a súa nai, Pilar, foi a causante das feridas. Se nos fixamos, vemos que o señor que o axuda a camiñar tamén ten unha perna de pau. Thomas Coll era veciño de Prats de Molló, unha das poucas localidades francesas que se mobilizou para axudar aos deportados. Perdera parte dunha perna na Primeira Guerra Mundial e, advertido de que había dous nenos eivados coma el no monte, foi buscalos para darlles acubillo. Un exemplo emocionante de solidariedade entre vítimas da barbarie da guerra, de calquera guerra.
As penalidades da familia non remataron aquí, meses máis tarde o pai faleceu e os nenos foron entregados por Francia ás autoridades franquistas. Recluídos nun orfanato do Auxilio Social, recibiron todo tipo de castigos e malos tratos. Como dixo Amadeo: "Ahí empezó mi verdadero exilio. Nos metieron en un hospicio. Golpes, humillaciones, hambre... No es plato de gusto para nadie".
Non foi ata o ano 2003 que Amadeo rachou o exilio do silencio co que viviu toda a súa vida en España. Escribe unha carta a El País presentándose coma o neno da foto, titulada "Ni perdono, ni olvido", que remata así: "No creo que nunca, a pesar de los esfuerzos realizados por tantas y tantas personas de bien, se llegue a hacer la más mínima justicia sobre tanto dolor, escarnio y humillación realizados sobre millones de españoles por los sinvergüenzas más grandes que este país ha tenido".
Este neno que nunca tivo infancia sempre estará con nós, sempre reivindicaremos a súa, a nosa, memoria. Descanse en paz.

Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto