domingo, 5 de abril de 2020

Era la noche, entrevista a Pedro Martín, supervivente de Sachsenhausen (4)

A CHEGADA A SACHSO

E aí baixamos do vagón, tiñamos detrás aos cans ladrando e aos gardas: 'Schnell, schnell' (rápido, rápido). Iamos correndo cos gardas detrás pegándonos golpes e os cans mordéndonos. Chegamos a un edificio que tiña unha porta de ferro no centro. E que vimos aí? 'Arbeit macht frei' (o traballo libera). Así que xa chegaramos a Sachso, aínda que non sabiamos que era Sachso!
Cando se levantou a néboa, o primeiro que vimos á dereita dos edificios da administración do campo, foron tres mozos espidos diante dun poste de madeira no que puxeran unha rutabaga (cruzamento entre o repolo e o nabo). Seguramente a roubaran e para castigalos fixéronlles pasar a noite alí. E aínda estaban vivos!
Vin barracóns, chemineas, os primeiros prisioneiros a raias e unha pista de area onde había prisioneiros dando voltas. Facíano todos os días. Verificaban a resistencia dos zapatos dando voltas á pista e cargando unha mochila chea de pedras. E a esquerda vin a forca, os fornos crematorios e a cheminea.
O primeiro que fixeron foi poñernos en columnas de a cinco. Despois leváronnos a un lugar para desifectarnos. Rapáronnos todo o corpo, metéronnos nas duchas e déronnos o noso uniforme de raias e uns zocos de madeira cunha tea para envolver os pés. Os que se encargaban de raparnos e darnos a roupa eran prisioneiros coma nós. Tamén nos daban o número, 65.518, que había que aprender axiña en alemán.
Toda a información era en alemán e eu non entendía nada. Pero aprendíase rápido, polos xestos, polo instinto animal. As palabras alemás aprendiamolas á forza, xa que cando se dirixían a nós non nos falaban, bramaban: Schnell!; Komm her!; Schweinhund!... E todo cun ton de desprezo... sempre pensei que o alemán non se falaba, gritábase. Só escoitabamos berros arredor. A golpes aprendimos axiña o alemán do campo. Tamén aprendín expresións en ruso, porque había moitos rusos e ucraínos no meu Kommando.
Déronnos un pantalón azul raiado, cun cordel e un xersei gris moi fino, unha chaqueta e unha camisa, os 'sabots' (os zocos) cos trapos para envolver os pés, o 'Mütze' (gorra) e uns anacos de tea. Esta tea tiñámola que coser nós mesmos, unha á esquerda da chaqueta e outra á dereita do pantalón. A min déronme o número 65.518, porque nós só somos números.
Desposi de ducharnos nunhas grandes salas, saiamos vestidos, dividianos en columnas e levábannos aos barracóns. Había que facer a corentena.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto