martes, 24 de marzo de 2020

Era la noche, entrevista a Pedro Martín, supervivente de Sachsenhausen (2)

NA RESISTENCIA
Pedro con 17 anos, cando entrou na Resistencia
Julio, o meu primo, foi quen me introduciu na Resistencia. Participou en 1942 no atentado con granadas a un restaurante militar alemán en Montmartre. (...) Julio foi detido na primavera de 1942 en París, e foi fusilado pero nunca atoparon o seu corpo. O seu pai tamén foi fusilado, en agosto de 1942, sen ter feito nada.
Na primavera de 1942 contactei con Froger. Era un gueule cassé, un 'cara rota'. É unha expresión francesa que se usa para os soldados desfigurados na cara durante a Primeira Guerra Mundial. Froger traballaba para Le Front National, movemento de Resistencia creado en 1941, e para o Partido Comunista. Despois contactei con Marie-Louise Page, que tiña o alcume de 'Antoinette', que foi quen anos despois me proporcionou o certificado de pertenza á Resistencia.
Despois entrei na organización de Henri Manigart, un empresario de orixe belga que fundou un grupo de Resistencia vinculado ao gaullismo.

O ARRESTO
Xunteime con Achiles C. (morto máis tarde en Sachsenhausen) e Robert N. (supervivente), nun lugar chamado Pont du Bourget, en Aubervilliers. Alí había varios camións dos alemáns, e nós tiñamos que averiguar o que contiñan. Estaban baleiros e dixemos: "imos facerlles algo, non imos marchar así". Metimos nos depósitos papel de liar, que pode chegar a estragar o motor. Ata que nos descubriron e comezaron a disparar. Achille caeu ferido, pero eu conseguín chegar á casa. Pero pouco tempo despois veu a policía determe, eran policías franceses.
Baixo tortura, Achiles creo que cantou demasiado rápido. Os veteranos sempre nos dicían que había que aturar varios días, para que ao resto da organización puidera agocharse.
Eu nunca falei, e iso que me deron moitas malleiras. Os policías franceses entregáronme á Gestapo, na rúa des Saussais.
O meu gran temos era que meu pai fose arrestado e torturado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto