sábado, 21 de marzo de 2020

Era la noche, entrevista a Pedro Martín, supervivente de Sachsenhausen (1)

Nestes días de encerro non está de máis lembrar as penalidades que pasaron os desportados confinados nos campo nazis (tamén pasaban unha corentena). Aínda que non fai falta recorrer a Historia para relativizar o noso illamento. Aí temos aos nosos veciños sen casa, ou cunha casa en malas condicións, sen diñeiro, ameazados polo crack. Aí temos aos refuxiados, e aos pobres do mundo en xeral.

Estou a ler estes días a entrevista que lle fixeron dous profesores de Historia, Jean-Pascal Auvray e Anne Guellec, a Pedro Martín, onde repasa a súa vida como resistente e deportado no campo de Sachasenhausen. Pedro naceu en Francia, fillo dunha familia de emigrantes españois de La Calzada de Oropesa (Toledo). Con 17 anos uniuse á Resistencia.
Inicio aquí unha serie de artigos onde reproduzo algunhas das palabras de Pedro que, entre outras cousas, sérvennos para evocar o percorrido vital dos nosos deportados encarcerados como membros da Resistencia, os triángulo vermello. Algúns deles tamén foron recluídos en Sachso (como lle chamaban os presos): Serafín Blanco, de Ourense; Antonio Cifuentes, de Vilar de Barrio; José Vázquez de Barroso. Outros detidos en 1943-44 e que pertenceron á Resistencia son Francisco Cortés, de Calvos de Randín; Julio Domínguez, de Xacebáns; Isaías Galán, de Fornelos do Bolo; Amancio González, da Rúa; Francisco Iglesias, de Ourense; Antonio Pérez, da Costa de Boborás; e José Pérez, de Paderne.

DA EMIGRACIÓN Á OCUPACIÓN ALEMÁ

"Meus pais chegaron a Francia en 1920-21. Abandonaron España por motivos económicos. Eran labregos de La Calzada de Oropesa, un pueblo al que fui de peregrinaje una vez que Franco murió. No quería darle mi dinero.
Instaláronse en Aubervilliers, no cinturón vermello de París. O salario era moi pequeno e vivían con moita moderación. Había moitas familias españolas e todas falaban español. Ao noso barrio, na rúa da Justice, chamábanlle o barrio dos 'pingüín' (Espingouin: palabra con similitude fonética a pingouin e espagnol). Na escola insultábanme chamándome 'sucio pingüín'.
A miña nai era moi crente e fixo as súas fillas tamén moi beatas, pero meu pai, un día, díxolle: 'A este déixasmo'. Meu pai era anarquista sen sabelo.
Comecei a traballar na industria, na compañía Digard, e alí aprendín o oficio de obreiro metalúrxico.
Nacionalizámonos franceses antes da II Guerra Mundial, pero eu sempre me identificaba como español.
Na Guerra Civil houbo familiares e coñecidos meus que se alistaron nas Brigadas Internacionais. O máis comprometido era meu primo Julio, que foi tres anos á Guerra. En 1939 estaba nun hospital próximo á fronteira e conseguiu pasar a Francia.
O alcalde do concello do meu pai tamén cruzou a fronteira, meus pais acollérono un mes enteiro no inverno de 1939. Léon Blum pechou a fronteira e eu tamén participei nunha compañía teatral para racadar diñeiro para os refuxiados e para a República española.
En setembro de 1939 só tiña 14 anos. Miña irmá e eu fomos evacuados a Gacé, un castelo hoxe desaparecido. Un mes sen facer nada! sen colexio! Aburriámonos unha barbaridade!
A finais de maio ou principios de xuño de 1940 produciuse o gran éxodo. Atacáronnos tres ou catro veces antes de chegar a Limoges, onde nos meteron nun centro de acollida de refuxiados. Tempo despois regresamos á casa e foi cando comecei como aprendiz de chapista en Digard.
Cando chegaron os alemáns o que fixeron foi pegar carteis con todo tipo de prohibicións, era unha forma de ter a poboación baixo vixilancia. Pouco despois da Ocupación houbo un atentado e en represalia fusilaron ao primeiro cidadá francés. Recordo os carteis e os nomes dos condenados a morte, dos fusilados. Os carteis cubríanse coa cruz de Lorraine (emblema do gaullismo), unha fouce e un martelo...
Todo estaba racionado, ata o tabaco. Eu, pola miña idade, estaba clasificado como J3 (entree os 13 e os 21 anos de idade).
A mediados de 1942 produciuse un atentado en París. Cheguei ao taller, e un dos compañeiros dixo: 'Viches o que fixeron eses cabróns?" E os cabróns eran os membros da Resistencia que comenteron o atentado! Capturaban a moitos reféns, persoas que despois eran fusiladas como represalia.
Os alemáns deixaban ver que as familias tamén se verían comprometidas. No caso do meu curmán Julio foi o que ocorreu. Apresaron a seu pai, meu tío, e foi fusilado aínda que non fixera absolutamente nada.
Ao ver as imaxes de Franco nos telediarios cinematográficos da época, púñame a asubiar.
Dábamanos conta de que os xudeus ían desaparecendo. Eu nunca me parara a pensar que era ser xudeu.

Eladio Anxo


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto