mércores, 29 de maio de 2019

Nicolás e Manolo, de Albarellos de Monterrei

Nicolás, á dereita, e Manolo son irmáns. Os dous naceron na aldea de Albarellos de Monterrei. O primeiro cando España perdeu Cuba, en 1898, e o segundo en 1910, levando o nome doutro irmán, falecido pouco despois de nacer, catro anos antes. Os seus pais eran José Rodríguez Ramos e Josefa Pérez Neto, labregos, e tiveron outros dous irmáns, María, nacida en 1901, e Eusebio, que veu ao mundo en 1904.
Naqueles tempos a vida non foi fácil para eles, e tomando conciencia da inxustiza e da explotación que sufrían sumáronse aos ideas tranformadoras da esquerda. Tamén xogaron, traballaron arreo e namoraron, pero os que mandaban negáronse a compartir cos da súa clase unha parte da riqueza que eles mesmos producían. Racharon coa esperanza republicana recorrendo aos esbirros de sempre, aos espadóns e á Igrexa. 
Manolo e Nicolás sentiron que debían loitar, por eles e por todos os que coma eles merecían unha vida mellor. Fuxiron á zona gobernamental e integráronse no Exército republicano. Manolo morreu no campo de batalla, sen chegar a cumprir os trinta anos. Seu irmán, como outros moitos refuxiados españois, fuxiu a Francia. Antes, puideron facer a foto que acompaña este artigo.
Os seus irmáns tamén tiveron problemas naquel Albarellos escuro, en todos os sentidos, no que os falanxistas impuñan a súa inhumanidade. Viviron un tempo atemorizados polas ameazas, pero conseguiron sobrevivir e ir refacendo as súas vidas, pensando que os seus dous irmáns faleceran na Guerra.
Moitos anos despois, no verán do 2018, visitando o campo de Dachau, Nicolás volveu a súa terra. Eu, que tamén son de Albarellos, atopeino de casualidade no 'libro dos mortos' do campo. Non figuraba en ningún rexistro. Foi moi emocionante, pero non o confirmei ata que me facilitaron desde o Concello a súa partida de nacemento.
Nicolás estivo nos campos das praias de Saint Cyprien e Argelés. A loita contra o franquismo en España continuouna en Francia contra o nazismo, e volveu perder. Detido no campo de Le Vernet d'Ariège, foi deportado desde Toulouse a Dachau o 3 de xullo de 1944. Clasificado como administrativo ou oficinista, co número 94.272. O pobre rematou alí a súa vida, o 25 de febreiro de 1945, só dous meses antes da liberación do campo. Tiña 47 anos.
Hoxe xa puidemos falar coa súa familia, que nos proporcionaron a fotografía. E traballaremos con eles, para que o exemplo dos seus desafortunados tíos perdure no lugar no que naceron. Para que nunca máis haxa que loitar ata a morte para que non te esmaguen, para ter unha vida digna.

Eladio Anxo

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto