xoves, 7 de marzo de 2019

Nicolás Rodríguez Pérez, de Albarellos de Monterrei

Este verán visitamos o campo de Dachau. Mirando o Libro dos Mortos, de casualidade, reclamou a miña atención o nome de Albarellos. Sentínme emocionado e sorprendido por ver escrito o nome da miña pequena aldea no primeiro campo de concentración construído polos nazis, sobre todo porque non tiña ningunha noticia desta persoa, de Nicolás. Non o atopei nin no Libro Memorial, nin en Nomes e Voces. Axitábame e atraíame a idea de que fose do meu Albarellos, pero tamén podía pasar, como ocorreu con Antonio Pérez, que nacera no Albarellos de Boborás.
Pedín información ao campo, demorando o momento de solicitar a partida de nacemento no rexistro civil. Non quería rachar coa posibilidade de que foramos veciños. Segundo esa información, que xa publicamos noutro artigo, o seu lugar de nacemento era Alvareles ou Albareles. Pensei nunha localidade dos territorios de fala catalá, pero non atopei ningunha con ese nome. Así que, despois de moitos meses de atrasalo, hai un mes decindinme, sen moita esperanza, a solicitar a partida de nacemento en Boborás e Monterrei. E así, confirmouse que nacera en Albarellos de Monterrei, fillo de José Domingo Ramos e Josefa Pérez Nieto. Agora toca buscar a familiares.
Nicolás naceu o 28 de outubro de 1898, e foi detido en Burdeos. Parece ser que residía en Vernay, no departamento do Ródano, e rexistrouse como oficinista. Seguramente pertenceu á Resistencia, sendo trasladado a Dachau, desde Toulouse, saíndo desta cidade o 3 de xullo de 1944, e chegando ao campo o 28 de agosto, co número 94272. Alí faleceu pouco despois, o 25 de febreiro de 1945.

Eladio Anxo

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto