Narcisse, preso francés amigo de Francisco e Rivada nunha foto sacada despois da liberación do campo |
A
maioría dos datos biográficos e todas as fotos de José Rivada, debémosllos a
Francisco Pena, de Cabo de Cruz. Francisco é fillo de Francisco Pena Romero,
tamén deportado a Mauthausen, amigo de José Rivada no campo e no exilio
francés.
Presos de Mauthausen torturados obrigándolle a facer exerciciós ximnásticos na appelplatz de Mauthausen |
Acto commemorativo dos deportados españois en París. En primeiro termo, coa cámara, Antonio García |
José Rivada, Jeanne e Carmen en Tarnos |
José Rivada en Tarnos |
José
Rivada Novoa naceu en Rivela, concello de Coles, o 26 de decembro de 1914 (ou o
27 de xuño do 2014 segundo a Acta de defunción). Parece ser que estudou en
Madrid Topografía. Alí estaba cando comezou a Guerra Civil, integrándose no
exército da República como sarxento de cabalería, procedente das Forzas Aéreas
de Albacete. Nos documentos de ITS aparece clasificado como 'oficial de
ferrocarril'.
Fuxiu
cara Francia e, como moitos outros, foi detido polos alemáns no stalag V-D de
Estrasburgo. E desde alí a Mauthausen, onde ingresou o 13 de decembro de 1940
co número 5191. Segundo Francisco, tanto Rivada como seu pai entraron primeiro
en Gusen e despois foron trasladados ao campo central de Mauthausen. Os datos
de ITS din que ingresou en Mauthausen e o 28 de novembro de 1941 levárono a
Gusen, sendo liberado polo exército de Estados Unidos.
Como
dixemos arriba Francisco Pena e Rivada fixéronse amigos no campo, e ambos se
instalaron en París unha vez rematada a II Guerra Mundial. Despois de pasar
polo Hotel Lutetia (centro de acollida dos deportados) Francisco comezou a
traballar na Renault, mentres Rivada cambiaba moito de emprego. Comezou nun
laboratorio fabricando Exposímetros, e despois foi taxista e funcionario no
Ministerio de Finanzas francés. Era unha persoa moi intelixente, dinos
Francisco.
Na
información que nos mandaron de ITS aparece 'emigrou a Cuba en 1949 saíndo de
París en avión'. Segundo Francisco fillo, foi unha estancia temporal. O pai
emigrara a Cuba e alí tiña José Rivada un irmán, que despois tivo un cargo no
goberno castrista. Cando seus pais emigraron, José quedou cunha irmá en España.
Máis adiante, súa irmá tamén emigrou a Cuba. Alí casou pero non lle fou ben, e
José Rivada viaxou ata a illa, conseguindo sacala do país vía Venezuela. O
fillo da súa irmá parece ser o único familiar cercano de José Rivada que hoxe
queda con vida. Chámase Pablo Álvarez, e é un importante dentista da cidade de
Miami, e segundo nos comentaron Carmen e Francisco ten devoción polo seu tío.
Francisco
Pena chegou a Francia no ano 1949, con 14 anos. Foi o momento no que coñeceu a
seu pai, pois este fuxira de Cabo Cruz en 1936. O grupo de amigos deportados,
agora exiliados, reuníase en moitas ocasións, sobre todo nas conmemoracións e
nos mitins do PCE, no que militaba a maioría deles. Francisco e súa dona Carmen
recordan con emoción as festas de L´Humanité, os mitins da sala Mutualité, e os
actos en memoria das vítimas dos fascismos no cemiterio de Père-Lachaise.
Entre
os amigos estaban Antonio García e Juan Aznar. Antonio foi o preso que 'roubou'
as fotos de Mauthausen xunto a Boix, pero nunca tivo o recoñecemento deste. El
era o que sacaba a maioría da fotos das conmemoracións e reunións nas que
participaban. Juan Aznar é dos poucos deportados vivos, ao que lle renderon
homenaxe os seus veciños de Caravaca o ano pasado, cando cumpriu 100 anos.
Rivada
casou cunha muller francesa, Jeanne. Cando estaban en París, todas as fins de
semana comían xuntos. Alí escoitaron Carmen e Francisco historias terribles do
campo de concentración, pero contadas sen dramatismo, con moito sentido do
humor, "ríndose das traxedias vividas". Os dous amigos recibiron
pensións de Francia, e máis tarde, de Alemaña. Contaron coa axuda da Federación
de Deportados e da Amical de Mauthausen. Rivada chegou mesmo a cobrar unha
pensión de España, xa nos anos oitenta, por ser membro do exército da
República.
Non
regresaron a España ata a morte do ditador. Cando o fixeron, as dúas familias
compartiron vacacións en distintos lugares do país, pero Rivada non volveu
nunca á aldea de Rivela onde naceu, porque "dáballe pena e non tiña a
ninguén alí". Jeanne e José pasaron os últimos anos das súas vidas na vila
de Tarnos, preto da fronteira con España. Faleceu o 19 de febreiro do 2002 no
hospital de Bayonne.
Ningún comentario:
Publicar un comentario