sábado, 28 de marzo de 2020

Era la noche, entrevista a Pedro Martín, supervivente de Sachsenhausen (3)

COMPIÈGNE
Sachsenhausen
Da rúa de Saussais pasáronnos de dous en dous esposados a unha furgoneta, e dalí leváronnos a unha estación para seren deportados a Compiègne, Frontstalag 122. Alí estiven de finais de marzo a principios de abril de 1943.
Estabamos nun mesmo barracón presos políticos e criminais. A comida era un líquido a modo de sopa e anaco de pan e pouco máis. Morriámonos de fame.
Estaba no campo C, destinado aos xudeus. O noso convoi estaba formado por uns oitocentos prisioneiros. En concreto 876 homes e 220 mulleres, chegadas ese mesmo día do forte de Romainville. Os homes e as mulleres viaxabamos en vagóns separados ata Berlín, onde foron divididos. Os homes a Sachsenhausen e as mulleres a Ravensbrück.
Sabiamos que abandonábamos Francia, que xamais veriamos as nosas familias. Ao saír do campo había alí reunidas moitas mulleres, sabían que se levaban aos seus maridos. Entón nós guindamos as bolas de papel con mensaxes para as nosas familias. E meus pais recibiron a mensaxe!
Chegamos á estación de Compiègne cantando a Marsellesa. Algúns conseguiron evadirse no camiño. Ao chegar á estación subíronnos aos vagóns cunha violencia brutal, sempre co mesmo berro: "Schnell!" (rápido).

A GRAN VIAXE
Non había tempo para fiolosofar. Estabamos atrapados no presente. Empurrábannos. Insultábannos. Berrábannos na cara. É o momento de contalo, porque para min o alemán non se fala, bérrase. Por grupo íannos contando: ein, zwei e de súpeto pum! Pechaban as portas dos vagóns.
Unha vez que pechaban as portas atopabámonos na escuridade total, todos amoreados. O vagón cargárano ao bestia, eramos uns oitenta ou noventa prisioneiros como sardiñas en lata, o ambiente era irrespirable, e ademais con ese bidón para as necesidades e todos eses gritos desesperados por conseguir simplemente un lugar onde porse, onde estar de pé ou tumbarse. Cando o tren se puxo en marcha fíxose un gran silencio. É o momento no que máis cousas pasan pola cabeza.
Había unha abertura que nos deixaba en penumbra e no exterior do vagón había aramadas para impedir as fugas.
Saímos o 28 de abril e chegamos o 30 ou o día seguinte. O tren non ía moi rápido. Había uns prisioneiros que estaban intentando rachar as táboas, era un intento de fuga. Saltaron do tren, pero colléronnos. Houbo aínda outro intento que acabou con todos tiroteados. Trouxeron aos feridos e aos mortos e botáronos no noso vagón. Cando repararon as táboas metrallaron o vagón desde o exterior. Houbo catro mortos e moitos feridos. Os feridos non recibiron a máis mínima atención médica.
O tren seguiu a súa marcha na escuridade. Estabamos mortos de sede sen nada que beber. Polos buratos que se formaban nos nós da madeira sacabamos a lingua cando chovía.
O pánico era moi grande, pasan moitas cousas pola cabeza. Pero tamén está esa clase de persoas que din: "Vale, veña home, hai que recuperarse". Tamén hai persoas así, é extraordinario!
En fin, despois chegamos a Sachso, estaba abrindo o día e iamos cubertos pola néboa... 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os nomes

Actualizamos os datos de Nomes e Voces , e Libro Memorial . De 41 pasamos a 45 deportados, 24 dos cales morreron nos campos (en negriña)  ...

O máis visto